Neste máster oímos moito falar sobre a avaliación, pero ninguén se dignou a darnos nocións sobre como levala a cabo. Por fin chegou o momento!
Como xa todxs sabemos, avaliar é recoller datos para tomar decisións no proceso de ensino-aprendizaxe. Hai tres tipos de avaliación: inicial, formativa e final.
- A avaliación inicial serve para coñecer o nivel previo que trae o alumnado.
- A avaliación formativa proporciona un feedback continuo entre o alumnado e o profesorado. Deste xeito, os alumnos poden mellorar a súa aprendizaxe e o profesorado, a metodoloxía que emprega.
- A avaliación final mostra os resultados da aprendizaxe do alumnado unha vez rematado este proceso.
Cando se explicou esta diferencia na clase, démonos conta da importancia que ten a avaliación formativa e do pouco que se emprega actualmente. Este tipo de avaliación serve para que o alumnado coñeza os seus puntos fortes e débiles. Así, poden enfocarse máis en mellorar as áreas que non dominan tanto. Da mesma maneira, o docente ve en que teñen máis dificultades os seus alumnos e onde debe facer fincapé para solventar este problema.
Algo que me chama a atención deste tipo de avaliación é que mostra o camiño que teñen que seguir os rapaces para pasar a materia. Cada alumno sabe cal é a meta e como hai que facer para alcanzala. Este método de avaliación emprégase moi pouco actualmente. Eu recordo que a maioría dos meus profesores só empregaba a avaliación final, nin sequera lles interesaba saber o nivel que tiñamos de base. Usaban este tipo de avaliación para poñer as notas a final do trimestre, simplemente sumando os resultados dos exames e facendo unha simple media aritmética. Aínda así, só sabíamos as notas que nos correspondían, non o motivo.
Tamén recordo que comparabamos entre os compañeiros para ver que nota sacara cada un no exame e xerar unha competición individual mental da clase. Ao mellor son eu só quen o facía, pero sempre me gustou ter mellor nota cós meus compañeiros e compañeiras para simplemente sentirme ben conmigo mesmo. En cada pregunta tamén comparabamos a puntuación en base á resposta dada. Moitas veces, o docente poñía unha nota a unha persoa e outra diferente a outro compañeiro, contestando ambas o mesmo en termos de contido.
Esta pouca imparcialidade por parte dos docentes podería ser erradicada se empregasen rúbricas. Unha rúbrica é un conxunto de criterios e normas relacionados cos obxectivos da aprendizaxe. A parte boa das rúbricas é que o alumnado coñece os requisitos tanto para obter a máxima valoración coma para salvar a actividade. Sen embargo, considero que os alumnos poden empregar as rúbricas coma unha arma de dobre fío. Poñéndome na pel dun alumno vago (porque eu nunca o fun 🙄) empregaría a rúbrica para facer unha atividade xusta para pasar, non me mataría a dar o máximo. É por isto polo que opino que os alumnos poderían pensar deste xeito e non exprimir a súa capacidade ao máximo, implicando que non aprendan todo o que poidan.
Chamádeme mal pensado, pero é o que se me ocorre que poden facer tendo en conta coma eramos os meus compañeiros mais eu.
Outro apartado que xerou debate na aula foi a coavaliación. Consiste na avaliación dun alumno por parte dos seus compañeiros en base ao que observan. Paréceme que é un bo método para avaliar, pois un alumno x se dará conta dos erros que cometen os seus compañeiros e acordarase máis facilmente deles para non cometelos el mesmo. Aínda así, a outra cara da moeda é que pode xerar enfrentamento. Pongámonos na situación dunha aula conflictiva, porque aínda que nos tribunais de oposicións non se contemple, existen. Segundo as ideas preconcebidas que teño eu deste tipo de aulas, pois nunca traballei en ningunha, creo que hai un ambiente de tensión tanto co docente coma entre os compañeiros. Neste caso, unha posible mala coavaliación dunha actividade podería ocasionar un conflito entre os compañeiros dentro ou fóra da aula.
INFORMACIÓN EXTRA
Un experimento que me impresionou bastante foi o que levou a cabo Ruth Butler (1988) con respecto ao feedback. A un grupo de alumnos A só lles proporcionou a nota; ao grupo B deulles comentarios e nota; e ao grupo C só lles deu comentarios. O resultado deste experimento foi que os alumnos dos grupos A e B o fixeron peor na seguinte avaliación. Os do grupo B incluso comentaron que eses comentarios servían para animalos. Sen embargo, os alumnos do grupo C tiveron un mellor rendemento en traballos e exames posteriores.
Este experimento demostra que os alumnos só nos fixamos nas notas, non no motivo de obtelas. Eu fago coma eles, pero considero que teño escusa porque en toda a miña ensinanza nunca se pararon a darme comentarios de como avanzaba a miña aprendizaxe e como debería facer para mellorala.
Enlaces de interese:
- Ferramenta de creación de rúbricas en liña.
- DOG sobre a avaliación dos centros educativos en Galicia.
Ola, Samuel!
ResponderEliminarConcordo completamente cos teus comentarios en relación á avaliación. Penso que moitos de nós tivemos unha experiencia similar no instituto, onde a avaliación formativa, a pesar de estar apoiada pola lei, quedaba relegada a un segundo plano. Segundo a miña experiencia nas aulas, en numerosas ocasións sentíame perdida e sen un obxectivo concreto que me permitise mellorar. En definitiva, o profesorado non me ofrecía o feedback adecuado que me dese a oportunidade de sacar o mellor de min. Creo firmemente que a avaliación formativa é unha forma moi xusta de analizar o progreso e competencias do alumnado, xa que ten en conta o día a día e non só unha proba que non representa necesariamente as destrezas dos/das estudantes.
Outro aspecto que percibín durante a ESO e o Bacharelato foi a ausencia, practicamente, das actividades de interacción e produción oral. Aínda que sexa difícil organizar este tipo de exercicios (debido ao gran número de estudantes por aula), cómpre facer un esforzo e traballar estes dous elementos. Na miña opinión, a produción e interacción oral son a base da aprendizaxe dunha lingua, todos/as aprendemos a falar antes que a escribir, no caso da nosa lingua materna. Ademais, estas actividades son as de maior relevancia en canto ás relacións persoais e á creación de lazos entre persoas.
Parabéns pola túa entrada. Un saúdo!
Hola Samu,
ResponderEliminarestoy totalmente de acuerdo con tu entrada. Hoy en día, deberíamos ser más conscientes y pensar más en que la evaluación determina los conocimientos adquiridos por el alumnado. Si solo te basa en una evaluación final con notas, el objetivo de los adolescentes va a ser el de aprobar, no el de aprender. Me parece que implementar la evaluación formativa, sobre todo con otro tipo de herramientas como pueden ser las rúbricas, hará cambiar un poco el chip. De esta forma, los alumnos podrán saber qué es lo que les pedimos y cómo implementarlo para conseguir esos objetivos. Otra forma que me parece bastante efectiva son los comentarios. Así, se fijarán mucho más en sus fallos y en corregirlos, en vez de quedarse con la nota y crear esa competitividad como tú bien has comentado.
En mi opinión, creo que habría que cambiar un poco la forma de evaluar al alumnado, para que tengan más ganas de aprender y mejorar y menos ganas de sacar más nota que el compañero de al lado.
Un saludo,
Antía Touriño